xoves, 21 de maio de 2015

O primeiro transplante de cabeza humana

Tras o anuncio científico, que puxo data para a primeira operación de transplante de cabeza no ano 2017, desatouse unha forte polémica sobre o seu alcance ético e social.

O paciente será Valeri Spiridónov, un programador informático ruso que padece atrofia muscular espiñal (AME), unha grave enfermidade xenética que ataca as neuronas motoras.

Así, segundo as declaracións de Sergio Canavero, médico do Grupo Avanzado de Neuromodulación de Turín, en Italia, responsable do desenvolvemento dun revolucionario método para o transplante de cabezas humanas, a primeira operación desta índole será posible en 2017. O experto asegurou que, a través dun corpo doado, calquera paciente poderá combater distintos tipos de cancro e dexeneracións nerviosas.

O proceso de transplante baséase na unión da espiña dorsal da cabeza separada coa espiña dorsal do corpo receptor, empregando unha substancia química. Posteriormente, os cirurxiáns deberán unir e suturar músculos e vasos sanguíneos.

Mentres tanto, o paciente transplantado deberá permanecer catro semanas en coma, de modo que logre evitar calquera tipo de movemento, ao mesmo tempo que algúns electrodos implantados na espiña dorsal actúan para estimular a xeración de novas conexións nerviosas. Se ben calquera persoa poderá falar e mover a cabeza tan pronto abandone o estado de coma, non poderá camiñar ata polo menos un ano despois da intervención cirúrxica.

Aínda que a técnica parece estar completamente desenvolvida, é certo que o anuncio desatou a controversia en sectores sociais e profesionais, que cuestionan o proceso dende un punto de vista ético e tamén técnico.

Valeri Spiridónov

Ningún comentario:

Publicar un comentario