O ébola é unha enfermidade infecciosa viral aguda que produce febre hemorráxica en humanos e primates (monos, gorilas e chimpancés) e cuxa taxa de mortalidade pode chegar ao 90%.
O virus do Ébola, un dos máis mortíferos que existen, detectouse por vez primeira en 1976 en dous brotes simultáneos acontecidos en Nzara (Sudán) e Yambuku (República Democrática do Congo, entón Zaire). A aldea en que se produciu o segundo deles está situada preto do río Ébola, e de aí toma o seu nome.
Ten cinco variedades: Sudán, Zaire, Reston, Côte d'Ivoire (Costa de Marfil) e Bundibugyo, das cales Sudán, Zaire e Bundibugyo se asociaron a importantes brotes de febre hemorráxica en África.
O virus altera un tipo de células chamadas "endoteliais" que recobren a superficie interior dos vasos sanguíneos e a coagulación. Ao danar os vasos sanguíneos as plaquetas non son capaces de coagular, e os pacientes sucumben a un shock hemorráxico que deriva nunha perda moi grave de sangue.
O mundo vive a epidemia de ébola máis mortal dende que existen rexistros, tanto en número de infectados coma en expansión xeográfica. Segundo o último reconto da OMS ata o pasado 3 de outubro, o número de infectados polo ébola en África occidental é de máis de 8.000 persoas, das que máis de 3.500 faleceron.
En España rexistrouse o primeiro caso confirmado de contaxio fóra de África. Trátase dunha auxiliar de enfermaría que atendeu no Hospital Carlos III de Madrid aos dous misioneiros españois repatriados dende Serra Leoa.
Estas son as claves para entender o virus do Ébola que se contaxia por contacto directo co sangue ou os fluídos corporais de persoas infectadas que presenten xa síntomas, con persoas mortas infectadas ou pola exposición a obxectos contaminados por secrecións destes pacientes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario